Amtega
10 Abril 2017
A Amtega selecciona as 10 aulas que participan na terceira edición do programa de innovación social dixital CeMIT-Innova
Fuente: Amtega
Os proxectos seleccionados foron presentados polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba
 
Ao longo do ano impulsarán iniciativas, baseadas nas TIC, en ámbitos como a promoción económica, o turismo, a inclusión, a igualdade, o envellecemento activo e a alfabetización dixital
 
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de seleccionar os 10 proxectos que participarán na terceira edición do Programa CeMIT-Innova e que se suman aos 18 xa desenvolvidos en anos anteriores. As iniciativas seleccionadas foron presentadas polas aulas CeMIT dos concellos de Bande, Boborás, Brión, Catoira, Carballedo, Cuntis, Oroso, Ourense, Narón e Santa Comba, co que hai representación das catro provincias.
 
As temáticas dos proxectos seleccionados abarcan diferentes ámbitos como a promoción económica e turística, o desenvolvemento empresarial da zona, a formación especializada, a inclusión, a igualdade de xénero no campo dixital, o ciberacoso, o envellecemento activo e alfabetización dixital de diferentes colectivos.
 
A partir de agora o Programa CeMIT-Innova entra na fase de desenvolvemento destas 10 iniciativas, que serán apoiadas e coordinadas desde Amtega e que poderán optar ao Premio Son Dixital no primeiro concurso de Innovación Social Dixital. Este concurso, que se fallará no último trimestre do ano, valorará a mellor iniciativa dixital, con especial recoñecemento ao labor do voluntariado que participa nestes proxectos innovadores.
 
CeMIT-Innova
 
O Programa CeMIT-Innova busca impulsar, a través da Rede CeMIT, iniciativas de Innovación Social Dixital, que empregan a tecnoloxía para resolver retos locais ligados á educación á saúde, ao emprego, e en definitiva ao benestar dá cidadanía. Son solucións e proxectos sociais, que teñen as TIC de base e que son deseñados polos seus protagonistas: cidadáns e axentes locais que detectan as necesidades máis inmediatas dá súa contorna e formulan posibles solucións.
 
O fomento da Innovación Social Dixital é unha das tres liñas estratéxicas do Plan de Inclusión Dixital de Galicia xunto coa alfabetización e a capacitación dixitais.
 
A Rede CeMIT
 
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 municipios e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. 

 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital