aceleraticp
18 Abril 2017
A Amtega mantén aberto ata o 24 de abril o prazo de preinscrición no Programa formativo AceleraTIC+ para a transformación dixital das pemes
Fuente: Amtega
Localidade: Santiago de Compostela
Está dirixido a directivos e xerentes de pemes que poden realizar a súa solicitude a través da web, do mail ou do teléfono do CDTIC
 
O programa, impartido pola Escola de Negocios IESIDE, consta de 6 sesións formativas e un servizo de titoría e consultoría personalizada para cada unha das pemes participantes
 
O prazo de preinscrición do Programa AceleraTIC+ para formar a persoal directivo de empresas en aspectos clave da transformación dixital dos seus negocios permanecerá aberto ata o 24 de abril ás 18 horas. As persoas interesadas poderán preinscribirse no seu espazo privado na web do CDTIC ou no correo electrónico cdtic@xunta.gal. De entre as solicitudes recibidas, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) seleccionará a 25 directivos para asistir ás sesións formativas, que recibirán, ao completar o programa, o título “II Programa Especializado en Transformación Dixital da Empresa”.
 
Sesións formativas
 
O programa estrutúrase en seis sesións formativas, de sete horas de duración cada unha, centradas en diferentes aspectos da transformación dixital e que se impartirán na sala 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura.
 
Comezan o 4 de maio cunha sesión que correrá a cargo de Álvaro Gómez e que leva por título “Como competir no novo contorno tecnolóxico e social? Big data, cloud computing, app economy, Internet of things, robotización e industria 4.0”.
 
As seguintes sesións distribuiranse así:
 
Xoves 11 de maio. Novas canles de comunicación coa clientela. Marketing dixital e redes sociais. Javier Varela
Xoves 18 de maio. Estratexia de dixitalización da canle de vendas. O comercio electrónico como unha alternativa estratéxica. Carlos Otero
Xoves 25 de maio. Posicionamento en Internet: SEO – SEM. José Alcañiz
Xoves 1 de xuño. Ferramentas de medición e análise – Obradoiro de Google Analytics. Fernando Gómez
Mércores 7 de xuño. Modelos organizativos e visión dixital. Transformación e xestión do cambio organizacional. Pablo Castejón
Finalmente, o xoves 8 e o venres 9 de xuño serán dúas xornadas de titorización/consultoría personalizada.
 
AceleraTIC+, de directivos a líderes dixitais na empresa
 
O programa AceleraTIC+ é a continuación do AceleraTIC, celebrado en 2016 tamén en colaboración coa Escola de Negocios IESIDE. É un programa dirixido especialmente a persoal directivo de empresas e que propicia un entorno onde directivos, xerentes e mesmo emprendedores de sectores de actividades moi diferentes, comparten ao longo das 6 sesións inquietudes, experiencias, problemas e solucións no ámbito da dixitalización, converténdose nun marco idóneo para o establecemento de sinerxias e colaboracións.
 
Centro Demostrador TIC
 
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.
 
O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrarlles ás empresas e aos profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecerlle ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.
 
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.

 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital