Obradoiros / Seminarios de formación
Descrición:
OpenStreetMap é coñecido popularmente como “a Wikipedia dos mapas”, xa que o obxectivo principal desta iniciativa é crear unha cartografía de todo o mundo libre, de xeito colaborativo.
A diferenza de servizos de mapas privativos, OpenStreetMap non só ofrece unha representación cartográfica do mundo, senón que en realidade é unha gran base de datos xeográfica que contén moita máis información, e ademais está dispoñible baixo unha licenza libre, para que calquera persoa a poida empregar, modificar ou crear as súas propias representacións dos datos.
Ademais dos beneficios que ofrece o seu uso en proxectos de cooperación ao desenvolvemento ou a xestión de crises humanitarias, como quedou demostrado nos numerosos casos que se deron nestes últimos anos, existen moitos outros usos en proxectos de acción social ou asociativos.
Neste obradoiro explicarase a filosofía do proxecto e as potentes ferramentas que pon a disposición das organizacións do terceiro sector para facilitar o seu labor.
PROGRAMA:
- Introdución a OpenStreetMap.
- Edición de datos.
- OpenStreetMap e o terceiro sector.
- HOT: resposta humanitaria.
- Cartografado humanitario e ferramentas.
IMPARTE:
D. Rafael Ávila Coya
COLABORA:
EAPN
Rede galega contra a pobreza.
É un experto contribuidor de OpenStreetMap, apaixonado polo software libre e o coñecemento aberto.
Rafael forma parte do Grupo de Activacións do Equipo Humanitario de OpenStreetMap (HOT). O HOT ten como misión asistir a organizacións humanitarias no cartografado colaborativo para a resposta a desastres naturais e crises políticas, así como no desenvolvemento económico e a preparación ante desastres.
Como membro do HOT, Rafael participou na activación da crise na República Central Africana, o terremoto de Nepal, o tifón Haiyan en Filipinas, a epidemia do Ébola en África e a loita pola erradicación da poliomielite no norte de Nixeria, entre outros. Actualmente é o coordinador da activación para a crise humanitaria no NE de Nixeria.
Para inscribirse a esta actividade acceda ao seu Espazo Usuario