25 Outubro 2018
Seleccionados os seis proxectos emprendedores da III edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’
Fuente: Amtega
Localidade: Santiago de Compostela
Con esta iniciativa, a Fundación Vodafone España e a Xunta de Galicia fomentan o desenvolvemento de solucións innovadoras con tecnoloxías accesibles na Comunidade
 
Os distintos proxectos elixidos están orientados a temas como e-health, comercio electrónico e monitoraxe de maiores, entre outros
 
Os seleccionados accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e un espazo de coworking na Cidade da Cultura
 
O xurado do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ seleccionou seis proxectos emprendedores de innovación social para formar parte da terceira edición do programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Instituto Galego de Promoción Económica  (IGAPE).
 
‘Vodafone Connecting for Good Galicia’ ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso da tecnoloxía. Desta forma, os proxectos que acceden ao programa poden converterse en negocios reais con maiores garantías de éxito e de poder contribuír a resolver os retos recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020.
 
Proxectos seleccionados
 
Nesta terceira convocatoria, o xurado -formado por membros de Amtega, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España- fallou por unanimidade a selección dos seis mellores proxectos de emprendemento de entre as candidaturas recibidas:
 
Atlante Medical - Plataforma online da xestión da medicina dixital, como fonte de comunicación entre hospitais, laboratorios, e outros integrantes do ecosistema, para resolver os problemas da seguridade da información, a trazabilidade do proceso, erros e a carencia dun ecosistema que fomente innovación.
 
CropDeal - Plataforma de oferta e demanda por volume, que garante a calidade (mediante certificación) e optimiza a venda das materias primas agrarias. Así, os agricultores ofrecen de maneira segura os seus bens e eliminan intermediarios e os compradores logran garantía de calidade do produto.
 
E-wear technologies - Reloxo intelixente para persoas maiores vinculado a unha plataforma web de xestión de usuarios para monitorar medicación, seguimento, zonas de seguridade, chamadas, etc.
 
feedcoo - Plataforma dixital que favorece o asociacionismo dos pequenos produtores rurais para crear un colectivo dixitalizado que lles permita acceder aos servizos necesarios para a produción a unha escala global e a un custo mínimo. Ademais, na plataforma promóvese a innovación a través da economía colaborativa xerada por campañas micromecenado de produtos novos ou moi singulares para reducir o risco económico que supón crear un novo produto. 
 
FisioAdvisor - Plataforma online de procura de fisioterapeutas profesionais colexiados na que o usuario pode consultar a reputación nos seus tratamentos con outros pacientes.
 
Quero Un Avó - Plataforma onde se poñen en contacto a persoas maiores que lles gustan os nenos e queren exercer de avós e avoas con familias cuxos fillos/as non teñan a sorte de ter aos seus propios avós/as ou non os teñen preto.
 
Beneficios de formar parte do programa
 
Estes seis proxectos seleccionados poderán beneficiarse dun plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, poderán dispoñer dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
 
Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000€, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos os seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados outorgada por Fundación Vodafone.
 
Os proxectos poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio ‘Conectados pola Accesibilidade’ de 10.000 euros, ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.
 
Segunda Edición
 
O pasado 24 de abril celebrouse en Santiago o acto de clausura da segunda edición do programa, na que participaron os proxectos 3DAcoustic, it!, Formadox, Mediación Móbil, Sense(z) e Tapper. Destes seis proxectos, a axuda de 25.000 euros concedida por Xunta de Galicia a través de GAIN, recaeu no proxecto It!, empresa de creación e fabricación 4.0 que ofrece servizos de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada e que ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D a todos os sectores. 
 
Ademais, a Fundación Vodafone España outorgou ex aequo o Premio “Conectados pola Accesibilidade” valorado en 10.000 euros, aos proxectos 3DAcoustic que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa, e Sense(z), dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiológicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir, por ser os que mellor incorporaron os Principios de Accesibilidade Universal.

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital