04 Xuño 2018
A porcentaxe dos autónomos galegos que contratan internet creceu preto dun 18% no último ano

• O 57% dos traballadores por conta propia dispoñen de conexión á rede, a cifra máis alta dos últimos 4 anos

• Increméntase a porcentaxe de autónomos que usa redes sociais ata o 33% mentres que diminúen os que empregan páxina web

• Dous de cada tres autónomos con conexión a Internet empregou a rede para relacionarse coas Administracións Públicas, 6,3 puntos máis que o ano anterior

A porcentaxe de autónomos galegos con servizo de internet contratado elévase ao 57,1%, a cifra máis alta desde 2014. No último ano rexistrouse un incremento de preto do 18% no número de traballadores por conta propia que contrataron internet. Así se desprende do informe “A Sociedade da Información e os autónomos de Galicia”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). 

 
O estudo sinala que en Galicia existen 139.553 autónomos, que representan o 7,1% do total en España. Aínda a maioría do colectivo son homes, existe unha significativa presenza de mulleres (42,1%). O sector dos sector servizos é o que aglutina o maior número de autónomos tanto en España como en Galicia, aínda o peso da agricultura na Comunidade revirte nun 22,4% de afiliados á Seguridade Social en réxime de autónomos, 10,6 puntos máis respecto ao resto do Estado.
 
Banda larga móbil e máis velocidade
 
Entre os autónomos con conexión a Internet, sete de cada dez opta pola banda larga móbil, medrando de xeito significativo no último ano, 11,2 puntos porcentuais, o que supera a porcentaxe media total das microempresas (69,2%) e formas societarias empresariais (66,9%).
 
O 59,6% dos autónomos galegos dispón dunha velocidade de conexión a Internet superior aos 10 Mbps. Cabe salientar o incremento de 4 puntos na contratación de velocidades de conexión a Internet superiores aos 30 Mbps, que xa empregan o 24,1% dos autónomos.
 
O informe tamén indica que preto da metade dos autónomos galegos (49,8%) utiliza o software libre para o seu labor empresaria, cun incremento de 6,2 puntos porcentuais no último ano.
 
Uso de redes sociais e servizos dixitais
 
Un de cada tres autónomos con conexión a Internet emprega as redes sociais, 10,3 puntos porcentuais que o ano anterior. O maior uso de redes sociais estase a traducir nun menor uso de páxinas web, que descenderon en 10 puntos no último ano. 
 
O uso de Internet para relacionarse coas Administracións Públicas segue a aumentar entre as microempresas galegas, en xeral, e entre os autónomos, en particular, de xeito que dous de cada tres autónomos con conexión a Internet empregou a Rede para relacionarse coas Administracións Públicas, 6,3 puntos máis que o ano anterior. 
 
Preto da metade dos autónomos  con conexión a Internet utiliza a Rede para liquidar os seus impostos e preto dun 30% tamén realiza declaracións de contribucións. Estes indicadores medraron 8,4 puntos e 6,5 puntos, respectivamente no último ano.
 
Debilidades detectadas: factura electrónica, comercio electrónico e Cloud Computing
 
O OSIMGA detecta a necesidade dun forte impulso na comercialización dos seus produtos a través de Internet  así como unha reducida implantación da compra de servizos Cloud computing entre os autónomos  galegos. 
 
A informatización da xestión empresarial, como por exemplo, o uso da factura electrónica, tamén presenta unha implantación baixa entre os autónomos galegos. Non obstante, cabe destacar o aumento no uso da factura electrónica entre os autónomos, que experimentou un aumento de 5,8 puntos no envío de facturas electrónicas e de 3,2 puntos na recepción.

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital