23 Abril 2018
A Xunta pon en marcha un Plan de formación sobre administración dixital e protección de datos para os empregados públicos
Fuente: Amtega
A EGAP ofrecerá medio centenar de cursos con máis de 1.200 horas de capacitación específica online e presencial
 
Trátase dun itinerario formativo que acompaña ao proceso de transformación dixital que se está a abordar na Administración autonómica
 
Incorpora tamén as novidades sobre seguridade e protección de datos derivados do novo regulamento europeo, que entra en vigor o 25 de maio
 
O proceso de transformación dixital no que está inmersa a Administración autonómica require dun acompañamento formativo para os empregados públicos. No marco do Plan de Goberno e Administración dixital 2020 ponse en marcha un Plan Formativo sobre aspectos chave da dixitalización e a protección de datos.
 
O Plan ofrecerá durante 2018  máis de 1.200 horas de formación en 55 cursos presenciais e online que abordarán diferentes aspectos derivados dos procesos de dixitalización como a tramitación electrónica integral, os procesos de dixitalización dos rexistros ou o uso dos novos sistemas de información como os de notificación electrónica, o de rexistro único ou a plataforma Pasaxe!, entre outros.
 
Ademais, a entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos o vindeiro 25 de maio implica un importante impacto nas Administracións públicas polo que parte da formación do Plan está orientada a formar e divulgar as novidades desta normativa.
 
A Vicepresidencia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento deste Plan durante 2018.
 
En virtude deste acordo a Amtega facilitará os perfís docentes  e o material didáctico  desta oferta formativa. A EGAP publicará no DOG e na súa web as diferentes convocatorias de cursos e  actividades e os prazos de matrícula correspondentes.
 
Lei Galega de Administración Dixital
 
a realización deste plan formativo avanza as actuacións previstas no anteproxecto de lei de administración dixital de galicia (ledixga), en fase de tramitación, que contempla a definición dun plan de capacitación dixital do empregado público para asegurar unhas asegurar unhas competencias dixitais mínimas para o exercicio das súas funcións, así como os mecanismos de acreditación de coñecementos e capacidades no uso das TIC.
 
A formación profesional continua e a reciclaxe profesional de todo o persoal empregado público constitúe unha necesidade imprescindible ante a rapidez dos cambios que implica a dixitalización das súas funcións.
 
Plan de Goberno e Administración Dixital 2020
 
A Xunta puxo en marcha en 2015 o Plan de Goberno e Administracións Dixital 2020 para acadar unha administración accesible, áxil nas respostas, con capacidade para anticiparse ás necesidades das sociedade e eficiente no uso dos recursos públicos e que ofrece.
 
Para acadar este obxectivo estase a afondar na madurez do uso de medios electrónicos por parte dos profesionais do sector público autonómico e a implantar novos sistemas de información que requiren dun acompañamento formativo específico que se concreta en Plans como o que a Amtega, a Vicepresidencia e a EGAP ofrecerán durante 2018.
 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital