09 Abril 2018
A Amtega e Red.es organizan un seminario sobre o procedemento para formar parte do rexistro de asesores dixitais da entidade estatal
Fuente: Amtega
Localidade: Santiago de Compostela
Os profesionais do ámbito da economía dixital interesados en ofrecer ás pemes servizos de asesoramento en transformación dixital subvencionados por Red.es, están convidados a participar nesta sesión.
 
O Centro Demostrador TIC acollerá esta xornada onde un técnico de Red.es explicará paso a paso o proceso de solicitude de inscrición ao Rexistro de Asesores Dixitais.
 
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web ou na app do CDTIC
 
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)  acolle, o día 13 de abril, un seminario práctico (https://cdtic.xunta.gal/asesores-dixitais) para mostrarlles ás pemes como solicitar a súa inscrición no Rexistro de Asesores Dixitais de Red.es.
 
Esta actividade está dirixida a profesionais do ámbito dixital interesados no asesoramento a empresas en materia de economía dixital. Para participar na xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/asesores-dixitais) ou a través da súa aplicación dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
 
O seminario, de carácter eminentemente práctico, será impartido por un técnico de Red.es que exporá ás persoas asistentes todos os detalles do programa Asesores Dixitais de Red.es e nela, ademais, realizarase, a modo de exemplo, unha solicitude para formar parte do Rexistro de Asesores Dixitais.
 
O programa Asesores Dixitais
 
Red.es, entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, puxo en marcha o Programa Asesores Dixitais co obxectivo de ofrecer ás pemes un asesoramento individualizado no seu proceso de transformación dixital.
 
Este servizo concretarase na realización, por parte de axentes especializados (os asesores dixitais), dun plan de dixitalización para a incorporación das TIC nos seus procesos (xestión do negocio, relación con terceiros, comercio electrónico, dixitalización de servizos e solucións).
 
Para a posta en marcha deste programa habilitarase proximamente unha convocatoria de axudas de ata 5.000 euros por peme.
 
Centro Demostrador TIC
 
O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade.
 
Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital