03 Abril 2018
A Amtega, Orange e a EOI presentan o programa formativo “Sé + Digital”
Fuente: Amtega
Localidade: Santiago de Compostela
Ofrece seis semanas de contidos formativos online gratuítos para mellorar as habilidades dixitais no eido profesional
 
A xornada de presentación retransmitirase desde o Centro Demostrador TIC a 11 aulas da Rede CeMIT, a través de videoconferencia
 
Pódese formalizar a inscrición de xeito automático na páxina web de CeMIT
 
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración co operador Orange como aliado dixital do Plan de Inclusión, e coa Escola de Organización Industrial (EOI), organiza o próximo día 3 abril a xornada de presentación do programa "Sé+Digital”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia a través de videoconferencia a 11 aulas CeMIT en horario de 12.30  a 13.30 horas.
 
“Sé+Digital”, un programa para mellorar profesionalmente
 
“Sé+Digital” é un curso  online gratuíto de 6 semanas de duración que ofrece a oportunidade de profundar nalgúns dos conceptos presentados na anterior edición “Sé Digital” cun enfoque máis máis práctico e orientado ao día a día dos cidadáns e os seus negocios.
 
Este programa inclúe vídeos explicativos e testemuños sinxelos, accesibles a través dunha plataforma de teleformación. Os contidos, de 20 horas de duración, ofrecen a empresarios e emprendedores as ferramentas dispoñibles para mellorar a súa actividade profesional e as aplicacións da tecnoloxía  para dixitalizar e desenvolver os seus negocios desde os seus municipios.. Ao final do programa os participantes poden obter un certificado da EOI.
 
Desde o seu lanzamento en 2016, “Sé Digital” formou a máis de 7.500 alumnos de toda España, co apoio de institucións e corporacións local e finalizou en febreiro de 2018.  Agora, “Sé+Digital” consolida e amplía os conceptos do emprendemento dixital, sen ser necesario realizar o curso anterior para participar.
 
Inscrición
 
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, inscribíndose previamente, ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios: Bande, Beariz, Carballedo, Cuntis, Fisterra, Marín, O Vicedo, Oroso, Ortigueira, Santa Comba, Valga.
 
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 - Aliad@s Dixitais
 
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
 
Esta estratexia estase a desenvolver grazas á cooperación, e implicación dos axentes do ecosistema dixital. Actualmente o Plan de Inclusión Dixital conta con preto de 800 aliados dixitais, entre os que se inclúe a Orange, a cal ven colaborando coa Xunta de Galicia dende 2017 como aliado dixital.
 
Orange
 
Como mecenas e aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital, Orange traballa para fomentar a transformación do tecido empresarial dos concellos e localidades, co fin de lograr unha rápida e efectiva adaptación destas poboacións e os seus habitantes aos retos que expón a nova economía dixital global.
 
Ademais, Orange colabora como aliado dixital realizando actividades dixitais dirixidas a persoas maiores, coa iniciativa “Ao lado dos nosos maiores”, dando formación sobre o manexo dos teléfonos móbiles e trabletas, e tamén para mozos e mozas co programa de “SuperProgramadores” co obxecto de sensibilizalos e inicialos na programación dun xeito lúdico.
 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital