08 Febreiro 2018
Lánzase a convocatoria ERASMUS FOR YOUNG ENTREPRENEURS

As persoas emprendedoras que teñan un plan de empresa desenvolto e/ou unha peme de menos de tres anos de existencia poden realizar unha estancia formativa de entre un e seis meses nunha empresa doutro país da Unión Europea a través da iniciativa Erasmus for Young Entrepeneurs.

Por outra banda, esta mesma iniciativa europea permítelles aos propietarios-xerentes que formen parte dunha peme (con máis de tres anos de experiencia dirixindo a empresa) acoller unha persoa emprendedora doutro país da Unión Europea por un período de entre un e seis meses.

Para máis información:
UNINOVA
Tel. +34 881 815 596/3
rosamaria.sanchez@usc.es
monica.suarez@usc.es

DESCRICIÓN DOS PROGRAMAS:

ERASMUS FOR YOUNG ENTREPRENEURS

O programa europeo de intercambio de emprendedoras/es e empresas (Erasmus para a Mocidade Emprendedora) é unha iniciativa da Unión Europea na que Uninova -incubadora de empresas da Universidade de Santiago de Compostela e do Concello de Santiago- participa como organismo intermediario (Intermediary Organisation).

Este programa permite que emprendedoras/es cun plan de empresa desenvolvido e/ou cunha peme de menos de tres anos de existencia poidan realizar unha estancia formativa de entre un e seis meses nunha empresa doutro país da Unión Europea, así como dun grupo de países participantes (entre eles, Albania, Armenia, Bosnia-Hercegovina, antiga República de Iugoslavia, República de Macedonia, Islandia, Montenegro, Moldavia, Serbia, Turquía e Ucraína). As persoas emprendedoras recibirán unha bolsa por parte da Unión Europea cuxa contía dependerá do país no que se realice a estancia. Este intercambio pode dividirse en tramos de, como mínimo, unha semana.

Vantaxes que o programa lles ofrece ás persoas emprendedoras:

  • Oportunidade única de mellorar a súa experiencia emprendedora.
  • Acceso a unha rede de contactos internacionais.
  • Mellora do coñecemento sobre mercados internacionais.
  • Desenvolvemento de novas oportunidades de negocio e posibilidade de atopar posibles socios estratéxicos.
  • Mellora do coñecemento de linguas estranxeiras.
  • Axuda económica para a estancia (segundo o país de acollida).
  • Asistencia e apoio por parte do organismo intermedio (Uninova) durante todo o proceso.

Para poder participar, a persoa emprendedora debe cubrir un formulario de inscrición contando as súas motivacións e expectativas (en inglés), presentar un plan de negocio (pode estar en español) e o seu currículo (preferiblemente en inglés e en formato europeo), así como un resumo executivo do plan de negocio (en inglés) en http://www.erasmus-entrepreneurs.eu/, apartado “Rexístrate”. Aí debe darse de alta introducindo un enderezo de correo electrónico. Unha vez feito isto, accederá a un formulario en liña, que deberá cubrirse en inglés.

EMPRESARIOS/AS DE ACOLLIDA (HOST ENTREPRENEURS)

O programa Erasmus for Young Entrepreneurs da Unión Europea permite que propietarios-xerentes ou persoas que formen parte do consello de administración dunha peme (con máis de tres anos de experiencia dirixindo a empresa) poidan acoller unha persoa emprendedora doutro país da Unión Europea, así como dun grupo de países participantes (entre eles Albania, Armenia, Bosnia-Hercegovina, antiga República de Iugoslavia, República de Macedonia, Islandia, Montenegro, Moldavia, Serbia, Turquía e Ucraína) por un período de entre un e seis meses, de forma totalmente gratuíta.

Vantaxes para as empresas de acollida:

  • Posibilidade de que as persoas emprendedoras poidan achegar novas ideas e puntos de vista que contribúan de forma positiva ao desenvolvemento da empresa de acollida.
  • Obtención de coñecemento sobre mercados estranxeiros, incluíndo posibles contactos estratéxicos, e incremento das posibilidades e as oportunidades de internacionalización.
  • Mellora do crecemento potencial da empresa de acollida a través do establecemento de novas oportunidades de negocio directamente coa persoa emprendedora.
  • Posibilidade de interactuar con outras empresas europeas de acollida, pasando a formar parte dunha rede europea de empresariado de éxito.
  • Asistencia das organizacións intermediarias durante a acollida.
  • Aumento da visibilidade e o prestixio do negocio pola repercusión pública do programa Erasmus.
  • Acceso ao uso da imaxe do programa, así como ao certificado oficial de participación como empresaria/o de acollida.

Para poder participar, a empresa de acollida debe cubrir un formulario de inscrición (en inglés) e achegar o CV (preferiblemente en inglés) da persoa que se inscriba (propietarios-xerentes ou persoas que formen parte do consello de administración en http://www.erasmus-entrepreneurs.eu/.

En ambos os casos, ao final do formulario de inscrición, deberá escoller unha organización intermediaria (IO). Nesa relación é onde aparece Uninova como organización intermediaria coa seguinte denominación: IO224 - SOCIEDADE PARA A PROMOCIÓN DE INICIATIVAS EMPRESARIAIS INNOVADORAS, S.L.

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital