Xunta
14 Novembro 2017
Conde sinala o compromiso dos orzamentos de 2018 coa mellora da competitividade industrial a través de novos programas que integrarán a dixitalización nas pemes galegas
Fuente: Amtega
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu á xornada Tendencias sectoriais e retos comúns na industria galega, organizada polo Consello Económico e Social de Galicia (CES)
 
Salienta que os orzamentos de 2018 apoiarán máis investimentos en innovación, dixitalización e talento e destaca as vantaxes da nova Lei de implantación empresarial
 
Desde hoxe está aberto o prazo para solicitar os novos créditos en condicións vantaxosas (IFIS) que van mobilizar 60M€ para apoiar a máis de 100 proxectos
 
A ocupación no sector industrial medrou no último ano un 5,6% dando emprego a 9300 persoas máis
 
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe o compromiso do Goberno galego coa mellora da competividade industrial a través dos orzamentos para o ano 2018 que inclúen novos programas que integrarán a dixitalización nas pemes galegas. O conselleiro asistiu á xornada Tendencias sectoriais e retos comúns na industria galega, organizada en Vigo polo Consello Económico e Social (CES) de Galicia en colaboración co Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta, a través do Igape.
 
Asegurou que o Goberno galego seguirá centrando os seus esforzos no impulso da industria galega con novas medidas contempladas no orzamento para 2018 que apoiarán máis investimentos en innovación, dixitalización e talento. Así, avanzou que xunto coa segunda edición do programa Fábrica Intelixente posto en marcha a pasada semana -que mobilizará 60 millóns de euros en proxectos tecnolóxicos innovadores- ou unha liña pioneira de créditos en condición vantaxosas (Instrumentos financeiros innovadores, IFIS) para o apoio de 100 proxectos e que as pemes e emprendedores poden solicitar desde hoxe, o vindeiro ano haberá novas iniciativas no eido da Industria 4.0.
 
En concreto, referiuse a tres novos programas -axudas para a dixitalización, o programa FabLab Maker para laboratorios de fabricación e un programa de provedores industriais- que pretender axudar a integrar a dixitalización nos procesos das pemes. “Galicia debe dar respostas aos retos de futuro en materia de Industria 4.0 con máis facilidades para conseguir a adaptación do tecido empresarial a un modelo máis tecnolóxico e industrializado no que a innovación é o aval para ser mais competitivos”, afirmou.
 
Conde ratificou, así, a aposta que a Xunta está a facer por mellorar a competitividade da industria galega a través de medidas que impulsan tanto a implantación da innovación nas empresas como a cualificación dos traballadores a través de programas de formación. Destacou o avance en Galicia cara o novo modelo industrial -a Axenda Industria 4.0 xa permitiu beneficiar a 4.200 empresas, crear 11.500 novos postos de traballo e mobilizar 342 millóns de euros- e fixo fincapé en que a innovación nas empresas dá resposta ao cliente, á competencia e ao cambio constante que demandan as novas tecnoloxías.
 
Conde tamén se referiu ao impacto que a innovación e a dixitalización na industria vai ter no emprego. Así, insistiu no esforzo do Goberno galego por levar a formación aos traballadores co fin de conseguir máis emprego cualificado e a súa adaptación aos novos perfís profesionais: “Temos que traballar no eido da formación para dar resposta ás necesidades das empresas en materia de capacitación tecnolóxica e dixital”. Os últimos datos da EPA segundo os que a ocupación no sector industrial medrou no último ano un 5,6% dando traballo a 9300 persoas máis que no mesmo período de 2016. Trátase dun sector no que o 94% do incremento da ocupación foi a xornada completa con 6 de cada 10 contratos de carácter indefinido.
 
Lei de implantación empresarial
 
O conselleiro aproveitou esta xornada para trasladar o compromiso da Xunta co tecido empresarial e industrial de Galicia, non só a través destas medidas que favorecen a súa modernización e melloran a súa competitividade, senón tamén a través da recente posta en marcha da Lei de implantación empresarial, unha ferramenta para facer de Galicia unha terra de oportunidades, atractiva para investir.
 
A nova normativa ofrece unha maior simplificación administrativa establecendo un procedemento único, maiores facilidades para acceder a solo industrial e axudas para reducir a fiscalidade. Así, a Xunta contará coa colaboración dos concellos a través dun convenio coa Fegamp polo que os municipios que se comprometan a aplicar bonificacións nos seus impostos terán prioridade á hora de recibir axudas autonómicas, en materia de emprego, industria e emprendemento.
 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital