11 Outubro 2017
A Xunta avoga por impulsar as vocacións tecnolóxicas e a capacitación dixital para adaptar os perfís profesionais á demanda do mercado laboral
Fuente: Amtega
A directora da Amtega sinalou que para avanzar cara este obxectivo é preciso un compromiso conxunto da Administración, a Universidade e o tecido empresarial
 
Mar Pereira inaugurou hoxe a VII Xornada de Informática Xudicial, na que se abordan os retos da ciberseguridade, a privacidade e a intelixencia artificial
 
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, indicou hoxe que para garantir que a actual transformación dixital sexa inclusiva é “preciso facilitar o acceso a novas habilidades dixitais e camiñar cara á hibridación entre o mundo humanístico e tecnolóxico”. 
 
Ante a redefinición dos perfís profesionais a Xunta avoga por impulsar as vocacións tecnolóxicas e facilitar a capacitación dixital noutros ámbitos. Un obxectivo, que segundo Mar Pereira, precisa do “compromiso conxunto da Administración, a Universidade e a empresa para adaptarnos ás esixencias do mercado laboral e equilibrar a demanda de novos perfís e a diminución de ocupacións tradicionais”.
 
A directora da Amtega, xunto co presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), inaugurou hoxe a VII Xornada de Informática Xudicial, na Cidade da Cultura. A xornada reúne a un panel de relatores expertos do ámbito da avogacía, a enxeñaría informática, a maxistratura e as forzas de seguridade do Estado, que analizarán os retos da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei.
 
Novo Regulamento Europeo da Protección de Datos
 
Respecto da Ciberseguridade e a privacidade, a máxima responsable da estratexia dixital da Xunta destacou que a Administración autonómica está a traballar para adaptarse ao novo Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018. Este proceso de adaptación enmárcase no Plan Director de Ciberseguridade da Xunta, co que nos últimos anos se incrementaron as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade. 
 
Ademais, as actuacións deste plan reforzaranse coa Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), actualmente en proceso de elaboración, e coa que buscamos prestar un servizo personalizado e proactivo á cidadanía. 

 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital