Amtega
14 Xullo 2017
Mar Pereira destaca que a Axenda Dixital de Galicia investiu máis de 324 millóns de euros entre 2015 e 2016 para contribuír ao crecemento económico e á mellora social a través das TIC
Fuente: Amtega
Lembrou que Galicia está a desenvolver esta estratexia baixo un modelo de cooperación e participación continua de representantes do sector empresarial, do sector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil
 
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou hoxe que a Axenda Dixital de Galicia 2020 investiu máis de 324 millóns de euros, 51 deles de capital privado, entre 2015 e 2016 para contribuír ao crecemento económico e á mellora social da Comunidade aplicando as vantaxes da tecnoloxía.
 
A responsable autonómica participou hoxe no I Encontro Red.es para a Cooperación Interterritorial en Servizos Públicos e Transformación Dixital, que se celebra na Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP) en Santander. Neste foro, Mar Pereira expuxo a experiencia de Galicia para impulsar a transformación dixital da economía na Comunidade.
 
Pereira destacou a posta en marcha en 2012 da Amtega como instrumento estratéxico e executivo para impulsar a modernización da administración pública e o desenvolvemento económico e social de Galicia. Desde a Axencia estase a desenvolver a segunda estratexia dixital do actual Goberno autonómico, a Axenda Dixital de Galicia 2020 (ADG2020) baixo un modelo de cooperación e participación continua de representantes do sector empresarial, do sector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.
 
Obxectivos
 
Neste proceso de transformación dixital, a responsable autonómica apuntou entre os retos o fomento do talento TIC e a adaptación da formación actual a un mercado que demanda perfiles cada vez máis especializados, tamén en Galicia.
 
Neste sentido sinalou a importancia do sector TIC galego no desenvolvemento da Axenda Dixital e destacou que en 2015 experimentou o maior incremento en número de empresas dos últimos cinco anos e que en 2016 superou, por primeira vez, os 16.000 empregados.
 
A dixitalización empresarial é outro dos eixos chave da transformación dixital, especialmente entre as pequenas e medianas empresas. Mar Pereira incidiu na importancia de facilitarlles este proceso con medidas específicas como os programas da Xunta formar a directivos de pemes e os de asesoramento especializado para a autónomos e pemes para aplicar solucións dixitais e de industria 4.0.
 
Tamén abordou a transformación dos servizos públicos, un proceso, no que recalcou, entran en xogo outros factores como as reformas normativas que se están a levar a cabo para conseguir a Administración que esperan os cidadáns do futuro. Neste ámbito, en Galicia incrementáronse os servizos online e puxéronse en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico.
 
Respecto á conectividade, sinalou que xa Galicia ten en marcha un Plan para levar as redes ultrarrápidas a toda a Comunidade. As primeiras actuación en marcha están dirixidas a dotar a máis de 80 polígonos industriais de redes de ata 350Mpbs e unha liña de axudas para que empresas illadas do rural teñan acceso a internet de máis de 30 Mbps.

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital