turismo
13 Febreiro 2017
A Xunta reafirma a súa aposta pola innovación co novo portal web de promoción turística de Galicia Escoitar
Fuente: Amtega
A directora de Turismo de Galicia e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentaron a nova web que mellora a súa consulta dende dispositivos móbiles, facilita a navegación e aumenta a interacción co turista e a visibilidade das empresas turísticas
 
O novo portal de Turismo é unha das iniciativas do Smart Turismo, un plan a cinco anos, dotado con 10 millóns de euros destinados a modernizar o sector e impulsar a Galicia como destino turístico
 
A través do mesmo, fortalecerase a difusión, tanto a nivel nacional coma internacional, de Galicia coma destino turístico a través das ferramentas que achegan as novas tecnoloxías
 
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, presentaron o novo portal web de promoción turística de Galicia (www.turismo.gal) que mellora a súa consulta dende dispositivos móbiles, facilita a navegación, prioriza o emprego da fotografía como argumento de atracción e incrementa a visibilidade das empresas turísticas do sector.
 
Durante a rolda de prensa de presentación, a directora de Turismo de Galicia destacou que a través deste novo portal fortalecerase a difusión, tanto a nivel nacional coma internacional, de Galicia coma destino turístico a través das ferramentas que achegan as novas tecnoloxías, das cales afirmou, constitúen os instrumentos máis importantes para a promoción de destinos turísticos e que responden ás necesidades tanto para a captación de novos turistas coma a fidelización daqueles que xa teñen visitado Galicia.
 
Nava Castro sinalou que esta renovación é necesaria debido ao novo contexto de consumo das novas tecnoloxías por parte dos turistas e usuarios, no que os dispositivos móbiles cobran cada día máis importancia, sobre todo nos períodos de lecer e vacacionais, ben pola comodidade do seu emprego como pola explotación das ferramentas de xeolocalización.
 
Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta manifestou que a través deste novo portal proxectarase unha imaxe dinámica, atractiva e vangardista de Galicia.
 
“Unha importante actuación máis que reafirma a aposta da Xunta de Galicia pola innovación e que permitirá avanzar na consolidación dun sector turístico galego competitivo, proactivo, innovador e coordinado, cunha visión internacional”, concluíu.
 
Pola súa parte, a directora da Amtega, Mar Pereira, lembrou que o novo portal de Turismo é unha das iniciativas do Smart Turismo, un plan a cinco anos, dotado con 10 millóns de euros, para desenvolver iniciativas tecnolóxicas e innovadoras que axuden a modernizar o sector e impulsar a Galicia como destino turístico.
 
Pereira resaltou que o Plan Smart Turismo ten xa en marcha diferentes ferramentas, como Turespazo, a extranet do sector, unha canle dixital para facilitarlle a xestión online da súa información administrativa e tamén a difusión da súa información promocional e a comercialización dos seus produtos. Desde a súa posta en marcha permitiu a xestión online de preto de 7.000 expedientes a 111 empresas do sector que colaboraron coa Administración na posta en marcha desta plataforma.
 
A directora da Amtega destacou tamén o desenvolvemento de SmartCamiño, a liña do Plan que configura un modelo intelixente de Camiño de Santiago e que xira en torno a web, caminodesantiago.gal, e aplicación que se publicaron na primavera de 2016. En menos dun ano a web leva rexistradas preto de 230.000 visitas e a aplicación máis de 7.500 descargas. Ademais, dentro desta liña de actuación dotouse de wifi ao 100% dos albergues públicos do Camiño.
 
Novidades do portal
 
Unha das principais novidades desta renovación do portal web de promoción turística de Galicia é a mellora da súa consulta dende dispositivos móbiles, fundamental xa que na actualidade case o 60% das visitas que recibe esta web proceden de usuarios que empregan dispositivos móbiles
 
Así mesmo, a nova imaxe do portal leva consigo o incremento da facilidade na navegación e na consulta de contidos para que os usuario podan atopar sen dificultade os diversos produtos turísticos e destinos ofrecendo, ademais, os contidos nun total de 7 idiomas.
 
Por outra parte, o novo portal prioriza o emprego da fotografía e do vídeo como argumento de atracción poñendo en valor a biblioteca de imaxe e ofrecendo unha plataforma de xestión de contidos multimedia.
 
Ademais, esta web aumenta da interacción co turista, de maneira que, ademais de planificar a súa viaxe, pode participar a manter a calidade da información, e incrementa a visibilidade das empresas turísticas axudando ao sector para a comercialización dos seus produtos turísticos.
 
Todo isto acompañado de completa información de máis de 30.000 recursos, un total de 278 rutas turísticas e de senderismo, 78 experiencias, 120 destinos destacados, máis de 3.500 aloxamentos e 12.400 establecementos de restauración que permiten o coñecemento do destino dende o punto de vista da riqueza patrimonial e cultural e achegando as ferramentas e información necesarias para organizar e planificar a viaxe a Galicia.

 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital