Imaxe descriptiva de Internet
26 Marzo 2014
A Xunta de Galicia abre a terceira convocatoria de axudas para contratar internet de banda larga vía satélite nas zonas máis illadas da Comunidade
Fuente: Imit - Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a apertura da terceira convocatoria de axudas para contratar Internet de banda larga vía satélite destinadas a fogares e pemes das zonas con máis dificultades de cobertura de toda a Comunidade. O programa conta este ano cun investimento de 359.000 euros e permitirá achegar a banda larga a case 2.400 fogares e pemes que non dispoñan de acceso á banda larga de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía.

Esta medida, que complementa as convocatorias do ano 2012 e 2013 das que se beneficiaron máis de 1.400 usuarios, é unha actuación do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia para facilitar o acceso a internet a todos os galegos.

As axudas tramitaranse a través de 5 empresas acreditadas como entidades colaboradoras pola Xunta de Galicia: Duo Telecom, Eurona, Intermax, Quantis e Terrachá Technoloy. Poderanse sumar novas entidades colaboradoras ata que remate a vixencia das bases (2013-2014).

O prazo de presentación de solicitudes a través das entidades colaboradoras comeza hoxe, 26 de marzo e remata o 30 de agosto de 2014.

Beneficiarios e importe das axudas

Os beneficiarios das axudas serán fogares e empresas con enderezo en Galicia que non dispoñan de acceso á rede, de cando menos 2Mbps, mediante outra tecnoloxía. O programa establece unha única subvención por enderezo destinada a sufragar os gastos de instalación así como o custo do equipamento do interior da vivenda ou empresa preciso para distribuír a sinal de banda larga, cunha contía máxima de 150 euros e condicionado á contratación dun servizo de cando menos 2Mbps cun período de permanencia de doce meses.

As entidades colaboradoras ofrecen servizos de internet vía satélite de ata 20Mbps de velocidade de baixada ao abeiro desta convocatoria. A alta de liña e o importe da tarifa do primeiro mes será asumido pola entidade colaboradora e, por tanto, gratuíto para os beneficiarios.

Este sector está composto principalmente por pequenas e medianas empresas de xeito que esta última liña do Plan contribuirá tamén a dinamizar a súa actividade.Con estas axudas a Administración autonómica busca avanzar un paso máis na equiparación da calidade de vida entre o rural e as contornas urbanas, axudando na fixación de habitantes e empresas no medio rural, e contribuíndo a mellorar a súa competitividade.

Os interesados en acceder a estas subvencións deberán contratar o servizo con algunha das 5 entidades colaboradoras acreditadas pola Xunta de Galicia.

O Plan reduciu en case un 90% os galegos sen cobertura na Comunidade

O Plan de Banda Larga facilitou o acceso a Internet mais de 700.000 habitantes dos 786.000 que carecían deste servizo en 2009. A día de hoxe, e grazas ao plan, máis do 97% dos galegos xa dispoñen de acceso ao servizo de banda larga de calidade a través de redes fixas ou sen fíos.

O 3% restante dispón de cobertura de internet vía satélite sendo obxecto desta medida, que está destinada ás zonas da Comunidade máis illadas, dispersas e de orografía complicada, onde o acceso a Internet só é posible vía satélite.

As actuacións desenvolvidas no plan lograron que Galicia reduza a fenda interna entre as zonas rurais e urbanas. En 2011 a diferenza media na dispoñibilidade de acceso á banda larga entre as provincias do interior e as do eixo atlántico pasou dun 15% a un 5,5%, e grazas ao plan en 2013 esta porcentaxe diminuíu a menos do 2%.

Xúntase cadro cos contactos das empresas acreditadas.

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital