Banda larga
19 Abril 2017
A Xunta amplía o prazo de solicitude das axudas para dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural
Fuente: Amtega
Ata o 11 de maio empresas e autónomos, que non dispoñan de acceso a internet de cando menos 30 Mbps, poderán realizar a súa solicitude
 
A Xunta destinará 1 millón de euros a axudas para subvencionar ata o 100% dos custos das tarefas para a dotación de banda larga ultrarrápida, cun máximo de 20.000 euros por beneficiario
 
É a segunda actuación do Plan de banda larga da Xunta, que complementa á lanzada en 2016 para dotar de conexión a internet de ata 350Mbps a 81 polígonos industriais
 
A Xunta amplía 3 semanas máis o prazo para que as empresas e autónomos das zonas illadas do rural poidan solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida. Con esta modificación da convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) posibilita a presentación das solicitudes ata o próximo 11 de maio.
 
A Xunta, a través da Amtega, destina a esta convocatoria un orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda. As axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000€.
 
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
 
Características da convocatoria
 
Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 Mbps e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
 
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.
 
Redes ultrarrápidas en polígonos
 
Esta actuación é a segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
 
En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.
 
Plan de Banda Larga 2020
 
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
 

Tamén che pode interesar

Reacciona-TIC, axudas para a dixitalización empresarial e a industria 4.0

Igape e a Amtega poñen en marcha un programa de axudas cuxo obxectivo é a mellora da competitividade das empresas a través de sete servizos TIC: Diagnose da aplicación de solucións dixitais, Aplicación de solucións en mobilidade, Aplicación de solucións dixitais para a mellora da xestión, Estratexias de marketing dixital, Diagnose das capacidades e aplicacións das solucións Industria 4.0, Posta en marcha de solucións Industria 4.0 e Xeración de modelos e simulación industrial. Ver máis

Boletín dixital